barulladas

miércoles, octubre 24, 2007

Ruinas




Casas, aldeas, lugares, vidas asulagadas....As ruinas doutro tempo deixanse ver no encoro de Portodemouros coma sacadas dalgún filme. O forno, as paredes, os marcos das portas...distinguense perfectamente coma se non se notase o paso dos anos. O baixo que está o pantano, pola pouca auga que caeu estes meses, permite pasear polas vellas corredoiras e entrar nas casas que a finais dos anos 60 quedaron baixo a auga do encoro. Moitos emigraron e a outros moitos obrigáronlles a emigrar... e o peor a perder os muros que eles mesmos ou os seus devanceiros levantaran. Agora só quedan aí, baixo a auga durante a maior parte do ano, para que calquera de nós as descubra. Unha visita que merece a pena.

lunes, octubre 08, 2007

Made in Galiza


Teño un ano e poucos días e cando escoito Clara presto atención. (...)

Nesta casa falan dunha forma moi estraña. A mamá, a papá e aos avós cando están comendo, por exemplo, escóitolles palabras como Sopa, Pásame o pan, Un pouco de sal ou Biscoito. Eu poño o oído e escoito e vou aprendendo. (...)

O problema é que de escoitar falara a mamá, papá e os avós eu xa sei polo menos cen palabras como Peido, Pis, A nena ten fame, Xa é de noite, Esta nena é moi tranquila e moi lista, Vai chover e cousas así. Eu escoito e gardo esas palabras para min e repítoas por dentro. Hai moitas palabras que escoito que aínda non comprendo como Quilómetro, Enciclopedia ou Empanada de xoubas.

O problema que teño é que, por exemplo, mamá cando fala de min con papá di A nena está esperta e de repente ven onda min e dime: Ay, mi niña, que ya despertó, ya despertastes, Clara? E eu sei que Clara son eu, mais aínda non sei por que me chama Mi niña se eu son A súa nena. Papá fai o mesmo, está falando coa avoa e di A nena debe de ter fame e vén e dime Clara, cosita, tienes hambre? E eu abro moito os ollos, intentando comprender que pasa aquí.

É unha situación estraña que se repite continuamente. Entre eles non, mais comigo cambian de forma de falar. (...)


Este texto está extraído do libro de relatos de Séchu Sende, Made in Galiza, na editorial Galaxia. É a miña recomendación se vos apetece ler, trátase de varios relatos orixinais e divertidos sobre a nosa lingua e a súa situación. Realmente interesante. A min encantoume!

Etiquetas: