barulladas

miércoles, enero 17, 2007

O Ferry de Portodemouros


Corría o ano 1968 cando, trala construcción do encoro de Portodemouros, sete pontes sobre o río Ulla quedaban asulagadas. Xentes que cruzaban a diario o río para ir ver os seus familiares ou amigos por unha pequena ponte quedaban illados en cadansúa ribeira da presa. Os veciños protagonizaron intensas protestas en plena ditadura franquista, que foron silenciadas pola opresión das autoridades da época.
Un tráxico suceso, acontecido no 1972, fixo que se retomaran as protestas. Cinco mozos de Loño (parroquia de Vila de Cruces) regresaban dunha romaría, e cruzando o encoro nunha pequena barca perderon a vida.
Xentes dos concellos de Santiso e Vila de Cruces, e tamén de Arzúa, Melide e Agolada fixeron frente o que se recorda como as primeiras movilizacións sociais da zona, querían volver estar comunicados polas antigas pontes. Homes e mulleres, manifestáronse e chegaron a pecharse na central eléctrica, un párroco da zona encabezaba estas movilizacións.
Así foi como naceu o servizo de ferry que une hoxe en día as parroquias de Beigondo, en Santiso e a de Loño, en Vila de Cruces. É o único ferry de augas interiores que existe en Galicia. Esta embarcación funciona 24 horas ó día tódolos días do ano, e pasar por ela é de balde. 10 empregados traballan na mesma. A viaxe no Ferry cruza os catrocentos metros que separan as dúas aldeas, evitando un rodeo pola estrada de ata 30 km.
Tras tres décadas funcionando a Barcaza de Portodemouros acaba de ser reformada pra aumentar a súa capacidade de transporte. Os principais beneficiarios son os labregos que debían pasar unha odisea para ir facer o seu traballo nas leiras do outro lado do encoro. Tralas reformas realizadas, as dimensións do Ferry pasaron de 7´5 metros a 13 e agora pode transportar 20 toneladas. Se antes pasaban tres coches, hoxe poden ir cinco e os viaxeiros en cuberta seguen sendo como máximo 12.
A embarcación realiza unha media de 20 viaxes, aumentando a fin de semana con turistas e mozos que cruzan o encoro para saír de festa, como noutros tempos, pero agora máis seguros. Polas noites un sistema de sirena avisa os empregados da Barcaza.
Despois de mes e medio parado por reformas o Ferry de augas interiores volve a funcionar. Aquela Barcaza que sustituiu daquela as vellas pontes asulagadas polo encoro de Portodemouros, acabou converténdose hoxe en día en atractivo turístico.

(Arranxo da reportaxe sobre o Ferry que se emitiu nas Quimbambas da Radio Galega)
...............................
"Pontes, aldeas, lugares, casas, camiños, tamén soños... toda unha vida de humildes campesiños e campesiñas quedou baixo este encoro que a diario cruzamos os veciños destas parroquias e que nos nubla os ollos con brétemas que non nos deixan ver o camiño"
...............................

2 Comentarios:

  • At 7:41 p. m., Blogger Checha said…

    Olas nena, sonanme moito estas verbas que escribiches....se non as escoitei nas quimbambas...onde puideron ser? a curiosidade mátame!
    jejejje...moi bo post na miña opinión...quen non foi dar unha volta hasta Arzúa co único propósito de subir ao Ferry...

     
  • At 3:30 a. m., Blogger Paco Penas said…

    Eu non podo deixar de pensar na tristeza que asolagou as vidas desas xentes cando viron anegadas as súas terras e as súas casas por decreto. Detrás desta historia hai outra historia que corta o folgo e que ti, en boa parte contas, como é a dos mozos afogados nunha noite de negro luar.
    Un bico e moitas letras.

     

Publicar un comentario

<< Home