barulladas

martes, enero 30, 2007

Rally de Carretillas (Vila de Cruces)



Se a I edición do Rally de Carretillas en Vila de Cruces foi todo un espectáculo, preparémonos pro Rally do 2007.
Os asistentes a esa primeira edición, celebrada o 5 de agosto do pasado ano, poidemos comprobar o gran éxito que supuxo superando tódalas expectativas de participación e de público. De feito poucas veces vin tanta xente camiñando polas rúas de Cruces ou concentrada na praza antes do inicio das probas vendo as carretillas tuneadas. A rúa principal estaba ateigada de xente fervorosa por ver os participantes subir a costa do pavillón, na que foi a primeira proba do rally, e que demostrou a velocidade dos "vehículos" e as mañas dos seus pilotos. A segunda foi a proba de habilidade no prado, onde realmente os participantes tiveron que mostrar a súa valía para superar diversos obstáculos, acabando máis de un polo chan. Finalmente a terceira, foi a última e definitiva proba, que nos deixou coñecer o nome dos gañadores. Ésta consistiu nunha disputada carreira pola rúa Vázquez no que o equipo formado por Moncho García e César Vila logrou a primeira posición.
O I Rally de Carretillas en Vila de Cruces deixounos a todos moi bo sabor de boca, algo que sen dúbida hai que agradecer a organización do mesmo (Javier Pampín, Xesús Alén, Alfredo Blanco, Félix Rodríguez e Ignacio Chorén foron os patróns que levaron o timón do buque). Ademáis de asistir a unha competición sen precedentes, vimos a orixinalidade das cerca de 20 carretillas tuneadas e dos seus pilotos e escuderías. Agora só queda prepararnos para a próxima edición que de seguron non defraudará, xa comeza a conta atrás...
P.D. Explicación da foto: fotografía realizada e arranxada por Rocío Sánchez Penas (fotógrafa profesional), está claro que as pintas que levo non son de ensaio de proba carretilleira máis ben estabamos preparando a cea un sábado pola noite e tocoume ir por leña... se eu chegara a participar neste rally jejej xa podían tremer todos que a escudería Mercedes está claro que é a mellor!! Veña dende aquí animo a todos a participar!

miércoles, enero 17, 2007

O Ferry de Portodemouros


Corría o ano 1968 cando, trala construcción do encoro de Portodemouros, sete pontes sobre o río Ulla quedaban asulagadas. Xentes que cruzaban a diario o río para ir ver os seus familiares ou amigos por unha pequena ponte quedaban illados en cadansúa ribeira da presa. Os veciños protagonizaron intensas protestas en plena ditadura franquista, que foron silenciadas pola opresión das autoridades da época.
Un tráxico suceso, acontecido no 1972, fixo que se retomaran as protestas. Cinco mozos de Loño (parroquia de Vila de Cruces) regresaban dunha romaría, e cruzando o encoro nunha pequena barca perderon a vida.
Xentes dos concellos de Santiso e Vila de Cruces, e tamén de Arzúa, Melide e Agolada fixeron frente o que se recorda como as primeiras movilizacións sociais da zona, querían volver estar comunicados polas antigas pontes. Homes e mulleres, manifestáronse e chegaron a pecharse na central eléctrica, un párroco da zona encabezaba estas movilizacións.
Así foi como naceu o servizo de ferry que une hoxe en día as parroquias de Beigondo, en Santiso e a de Loño, en Vila de Cruces. É o único ferry de augas interiores que existe en Galicia. Esta embarcación funciona 24 horas ó día tódolos días do ano, e pasar por ela é de balde. 10 empregados traballan na mesma. A viaxe no Ferry cruza os catrocentos metros que separan as dúas aldeas, evitando un rodeo pola estrada de ata 30 km.
Tras tres décadas funcionando a Barcaza de Portodemouros acaba de ser reformada pra aumentar a súa capacidade de transporte. Os principais beneficiarios son os labregos que debían pasar unha odisea para ir facer o seu traballo nas leiras do outro lado do encoro. Tralas reformas realizadas, as dimensións do Ferry pasaron de 7´5 metros a 13 e agora pode transportar 20 toneladas. Se antes pasaban tres coches, hoxe poden ir cinco e os viaxeiros en cuberta seguen sendo como máximo 12.
A embarcación realiza unha media de 20 viaxes, aumentando a fin de semana con turistas e mozos que cruzan o encoro para saír de festa, como noutros tempos, pero agora máis seguros. Polas noites un sistema de sirena avisa os empregados da Barcaza.
Despois de mes e medio parado por reformas o Ferry de augas interiores volve a funcionar. Aquela Barcaza que sustituiu daquela as vellas pontes asulagadas polo encoro de Portodemouros, acabou converténdose hoxe en día en atractivo turístico.

(Arranxo da reportaxe sobre o Ferry que se emitiu nas Quimbambas da Radio Galega)
...............................
"Pontes, aldeas, lugares, casas, camiños, tamén soños... toda unha vida de humildes campesiños e campesiñas quedou baixo este encoro que a diario cruzamos os veciños destas parroquias e que nos nubla os ollos con brétemas que non nos deixan ver o camiño"
...............................